Noticia

O Monbus Obradoiro xa ten novo adestrador: Diego Epifanio ‘Epi’

O Monbus Obradoiro xa conta cun novo líder no banco para a tempada 2025/26. O club pechou a incorporación de Epi como adestrador principal, dando así o primeiro paso na construción do novo proxecto deportivo.

Natural de Burgos (1978), Epi conta cunha ampla e contrastada traxectoria nos bancos do baloncesto estatal. A súa carreira comezou na tempada 2004/2005 na antiga LEB Prata, co Autocid Ford Burgos, onde permaneceu durante 12 tempadas. Nese período exerceu como adestrador axudante de técnicos como José Luis Oliete, Ñete Bohigas, Gonzalo García de Vitoria e Andreu Casadevall.

Ao longo da súa traxectoria, Epi demostrou a súa capacidade para liderar proxectos ambiciosos, sumando ao seu palmarés tres ascensos á Liga Endesa (ACB), con San Pablo Burgos, Río Breogán e Leyma Coruña.

Coa súa chegada, o Monbus Obradoiro dá un paso decisivo na confección do equipo de cara a unha ilusionante tempada 2025/26. Héctor Galán, director xeral e deportivo, móstrase moi satisfeito de anunciar a incorporación de Epi ao banco do Monbus Obradoiro para as dúas próximas tempadas: “É unha maneira perfecta de iniciar un novo proxecto. O noso segundo ano na Primeira FEB e incorporamos un técnico de experiencia absolutamente contrastada, con moitos anos e éxitos na categoría, capaz de lograr ata tres ascensos con tres equipos diferentes. Desexámoslle a mellor das sortes para esta tempada.”

Pola súa banda, Epi expresaba a súa ilusión: “Estou moi ilusionado porque un club como o Obradoiro pensara en min para dirixir este proxecto desde o banco.”

“Agradezo a Raúl e Héctor polo seu interese e polas facilidades que en todo momento me mostraron para que me incorporase ao club. Teño moitas ganas de comezar a confeccionar o plantel para a vindeira tempada e de adaptarme o máis rápido posible ao club e ao seu funcionamento.”

Destacado