
O Monbus Obradoiro xa está inmerso na planificación da próxima tempada e, xunto cos xogadores con contrato vixente —Álex Barcello e Sergi Quintela—, Alonso Grela dará un paso adiante e contará con ficha do primeiro equipo.
O xogador asturiano, natural de Mieres, chegou a Santiago de Compostela na tempada 2022/23 como xogador júnior para integrarse no Obradoiro Peleteiro. Durante esas dúas tempadas, participou no Campionato de España e competiu na Liga EBA co Obradoiro AMES.
A pasada tempada, aínda que xogou principalmente na Terceira FEB, entrou na dinámica do primeiro equipo, participando na pretempada e formando parte do día a día do grupo. Tras o seu bo rendemento e minutos en Primeira FEB, a dirección deportiva e o novo adestrador decidiron que Grela pase a ter ficha oficial co primeiro equipo.
O director da canteira, Camilo Riveiro, destacou que Grela “traballou e mellorou moitísimo. Encheunos de orgullo que agora forme parte do primeiro equipo do club”.
O novo adestrador do equipo, ‘Epi’, afirma estar “moi contento de incorporar a Alonso á primeira plantilla, despois de varias tempadas no Club, compaxinando o traballo do primeiro equipo e o EBA. Agardamos que siga tendo unha evolución física e técnico-táctica durante esta tempada e que poidamos axudalo a seguir medrando en todo o relacionado co seu rendemento deportivo e na súa toma de decisións no campo”.